Orla de 2º de bacharelato

 

Esta semana do 8 ao 12 de abril de 2024 o alumnado de 2º de bacharelato estivo facendo as fotos para a orla de final de etapa. O final de curso acércase, moitos exames e moitas emocións. 

Ánimo a todas e todos!

BIBLIOTECA HUMANA


Como proxecto para o Traballo de Fin de Mestrado, a alumna que estaba a facer as prácticas no Departamento de Orientación organizou unha BIBLIOTECA HUMANA SOBRE ITINERARIOS PROFESIONAIS.

O alumnado de 4º da ESO e 2º de FPB puido escoitar a 6 persoas diferentes que se dedican a 6 campos profesionais distintos contar a súa historia, tanto laboral como académica, que os levou a chegar alí.


O obxectivo era poder ter diferentes perspectivas sobre a vida académica e profesional, tendo en conta que non pasa nada se se equivocan, que poden chegar a desenvolver un traballo que os faga sentir satisfeitos aprendendo dos erros cometidos no camiño.

ACTIVIDADE CLUB DE CIENCIAS







Nesta sesión do club o alumnado participante puido desenvolver unha actividade de Bioloxía , identificando as diferentes partes dun peixe (Xarda_Scomber Scombrus) mediante a disección do mesmo. Moi interesante!

VISITA Á CASA DAS CIENCIAS E AO MUNCYT



O pasado xoves o alumnado do club de Ciencias, xunto co de Tecnoloxía de 4º de ESO e 1º de Bacharelato realizou unha saída didáctica á cidade da Coruña, onde puideron visitar a Casa das Ciencias a o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Sen dúbida, unha actividade do máis interesante!



ACTIVIDADE "O SALNÉS, TERRA E MAR"


O pasado mércores tivo lugar a actividade organizada polo Departamento de Hostalaría en coordinación coa responsable de Emprendemento na que o alumnado visitou o museo Etnográfico do Viño de Cambados, omuseo/Aula Virtual 360º da Cofraría de Pescadores da Illa de Arousa e o IGAFA (Instituto Galego de Formación en Acuicultura) da Illa de Arousa.



Visita didáctica a Santiago

 

 O venres 22 de marzo o alumnado da materia de Historia da Arte visitou a catedral de Santiago de Compostela. Os profesores que coordinaron esta actividade e acompañaron ao alumnado foron José Dopazo de Latín e Grego e Mª Teresa Fidalgo de Xª e Historia. Os obxectivos eran:

_ Visitar unha obra de arte na realidade para apreciar todas as súas características artísticas.

_ Relacionar a catedral co contexto histórico-artístico de Galicia.

_ Aprender a valorar os monumentos próximos e ser conscientes da súa valía.

_ Apreciar a transcendencia desta obra máis alá do tempo e o espazo que ocupa na actualidade.

_ Ver "in situ" todos os elementos arquitectónicos e escultóricos que posúe.

_ Visitar a obra na súa totalidade: interior, fachadas, cubertas, museos, torres, etc.

A experiencia foi considerada positiva polo alumnado que expresou a súa sorpresa pois nunca, dicían, viran un monumento de xeito tan minucioso.

Presentación libro

 O próximo venres 22 a nosa ex-alumna Tania Poza vai presentar ás 19:00 horas o seu libro Un desconocido na Biblioteca Municipal de Sanxenxo. Achégate a participa!!!



 

Visita de exalumnas/os

 








O pasado xoves 7 de marzo, o IES de Vilalonga organizou unha charla onde,  antigos alumnos como Iván Cores, Cecilia García e Elsa Blanco,  compartiron as súas experiencias académicas e profesionais desde que deixaron as aulas do instituto. A diversidade de percorridos académicos e profesionais dos exalumnos reflexou a versatilidade de opcións dispoñibles tras a graduación, inspirando ao noso alumnado de 2º de bacharelato a explorar os seus propios intereses e habilidades.

Día Internacional da Muller

 

O día 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Trátase dunha reivindicación dos dereitos das mulleres. De todas as mulleres. O obxectivo é sensibilizar á sociedade e potenciar a igualdade real de xénero. Así, reclámase a redución das desigualdades de xénero. Neste sentido, no 8M tamén se lembra que as violencias contras as mulleres, en especial a violencia de xénero e a violencia sexual, son a expresión máis amarga das sociedades machistas, con conviccións profundamente patriarcais. (Ministerio de Igualdade)

O IES de Vilalonga participou na visibilización e reclamación dos dereitos de todas as mulleres, con tal motivo fixéronse distintas actividades:

- Lectura de parte do manifesto:


- Unha exposición organizada polas profesoras de Lingua galega: Ana Belén Vázquez Pardal e Victoria Villar Mosquera co seu alumnado de 2º de ESO. O tema elixido é "Mulleres traballadoras de aquí". Ademais de escoller, fotografar, expoñer... o alumnado fixo unha exposición oral do seu traballo.



- A profesora de Lingua e Literatura Castelá Pepa Espinosa traballou co seu alumnado da materia de oratoria. En 3º de ESO o tema elixido foi "Mulleres máis importantes da súa vida" e en 4º de ESO "A publicidade e a muller" que incluía un vídeo proxectado na pantalla da entrada do instituto.

A profesora Enza Sansone de Igualdade e inglés traballou co alumnado de valores de 3º da ESO nunha exposición sobre "Mulleres importantes da historia".


- A biblioteca tamén colaborou con reclamación de dereitos e exposición de libros de temática feminista.

- O alumnado de 1º de bacharelato gozou dunha mesa redonda con mulleres  do Concello de Sanxenxo que na actualidade traballan en distintos sectores da ciencia e a investigación.

Visita do escritor Núñez Singala

 O pasado martes 27 de febreiro, o alumnado de 3º de ESO desfrutou dunha charla co escritor Manuel Núñez Singala, autor da obra de teatro Comedia bífida, que foi lectura da segunda avaliación nese curso. O autor comentou as diferenzas do xénero dramático con outras expresións literarias e as dificultades e vantaxes de escribir un texto que nace para ser representado. Ademais, contestou preguntas da rapazada e realizou con eles unha pequena interpretación dun texto seu.