VIAXE DIDÁCTICA A OURENSE


Como vén sucedendo desde hai varios anos, o departamento de Lingua Galega e Literatura organizou o pasado día 8 de marzo unha viaxe didáctica á provincia de Ourense para visitar diversos lugares de interese relacionados coa materia, especialmente coa parte de literatura (Otero Pedrayo e Blanco Amor): Trasalba, Oseira e o casco vello de Ourense.Por outra parte, esta provincia posúe un patrimonio cultural e artístico que os alumnos deben coñecer como medio para acrecentar e consolidar os seus coñecementos culturais, polo que se conta tamén coa participación activa do Departamento de Xeografía e Historia.

Nesta ocasión, o alumnado participante foi o de 2º de Bacharelato, polo que ao ser especialmente numerosos, foi preciso facer dous grupos: no primeiro estaban os alumnos coa materia de Arte, que se completaba cos compañeiros de 2º C; no outro estaban os do Bacharelato Tecnolóxico e Científico, completado coas compañeiros de 2º B. O itinerario e os horarios os seguintes: o primeiro grupo realizou pola mañá a ruta d’A esmorga polas rúas do casco vello de Ourense e ás 12 fixeron unha visita guiada á catedral ofrecida pola Oficina de Turismo. Despois tiveron tempo libre para comer e pasear pola cidade e xa pola tarde visitaron a Casa Museo de Otero Pedrayo en Trasalba e o mosteiro de Oseira. Pola súa banda, o segundo grupo fixo o itinerario en sentido inverso: pola mañá a visita a Oseira e Trasalba, a continuación traslado a Ourense para a comida e o encontro cos compañeiros do outro grupo, e pola tarde a realización da ruta d’A esmorga e aínda tiveron tempo libre para pasear e coñecer a cidade.

A viaxe resultou un éxito e todas as actividades resultaron interesantes e entretidas para os alumnos, especialmente o paseo polo casco vello de Ourense, onde debían realizar varias fotografías en lugares sinalados como parte dun traballo de clase e das que forman parte algunhas das que se ofrecen nesta mostra. Hai que sinalar tamén o excelente comportamento de todos os participantes, tanto na puntualidade como no interese mostrado nas visitas que estaban concertadas, feito que mereceu unha mención especial por parte do guía do mosteiro de Oseira.

Por último, é preciso agradecer a colaboración de Mercedes Mora, profesora de Arte, e de Vicente Grandal, profesor de lingua castelá, que acompañaron os alumnos e colaboraron na preparación e realización da actividade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario